Manifesto – Declaración de intencións
O proxecto CompetenciaDixital baséase nos principios da Cultura Maker, favorecendo a formación dunha cidadanía autónoma, autosuficiente, independente, libre e crítica. Para elo promovemos recursos, estratexias, ideas e prácticas educativas que garantan a igualdade de oportunidade:
- Priorizamos as licencias abertas (Dominio público ou Creative Commons): todo o material, recursos, proxectos e experiencias compartidas neste portal están licenciadas con licencias deste tipo (copyleft), permitindo -cando menos- a súa distribución e uso libres.
- Priorizamos o Open Source: empregando ferramentas e solucións de software libre e open hardware sempre que sexa posible.
- Escollemos materias e materiais que sexan o máis facilmente accesibles: en usabilidade, economicamente e en dispoñibilidade.
- Democratizamos o acceso ás nosas propostas educativas ofrecéndoas nas escolas en horario lectivo, de xeito que todo o alumnado, independentemente do seu capital económico, social ou cultural, ten oportunidade de participar na experiencia.
E avogamos por:
- Priorizar o traballo en equipo, o aprender facendo, a aprendizaxe por descubrimento e a convivencia, contribuíndo a formar persoas libres e sociais.
- Defender e fomentar o dereito á privacidade, traballando dende unha perspectiva crítica o tratamento de datos [persoais].
- Adoitar unha perspectiva crítica da Tecnoloxía Educativa, avaliando de forma continua tanto a parte pedagóxica como a tecnolóxica.
- Suprimir a dependencia de produtos comercias, solucións ou servicios baseados en código pechado de grandes compañías tecnolóxicas, que basean a súa actividade en intereses económicos ou de poder, en vez de no ben común.