SOBRE ESTE ESPAZO

Este espazo é un lugar para compartir con toda a Comunidade Educativa o que facemos dende e coa escola, especialmente nas etapas de Educación Infantil (EI) e Educación Primaria (EP), por se puidera ser de interese para outras institucións educativas, familias ou calquera persoa (ou colectivo) interesadas na democratización das novas linguaxes, integradas en prácticas educativas dende unha pedagoxía crítica.

Configuramos este espazo tecno-pedagóxico coa intención de difundir contido na nosa lingua, o galego (aínda que todas as linguas teñen cabida), empregando ademais unha linguaxe inclusiva cando sexa posible e, por defecto, o feminino xenérico.

Dende CompetenciaDixital entendemos a Educación como Práctica de Liberdade, polo que o alumnado é o centro do proceso, das propostas, recursos, proxectos e experiencias que aquí se comparten. As propostas baséanse en metodoloxías activas -especialmente Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP)– de forma que as crianzas poidan expresar a súa voz, promovéndose a resposta diverxente, deixando que cadaquén se apropie dos saberes compartidos e os integre ao seu xeito. Ademais damos especial valor aos erros (tanto das crianzas como das persoas educadoras) como canle de oportunidades para novas aprendizaxes: os proxectos compartidos inclúen o desenvolvemento en aulas reais (con ratios e recursos reais), desvelando as dificultades e problemáticas atopadas, as replanificacións realizadas e as aprendizaxes desenvolvidas.

Apostamos por integrar as tecnoloxías dixitais como novas linguaxes para aprender, convertíndose estas en contexto de aprendizaxe. Ubicarnos nesta perspectiva supón empregar estas tecnoloxías como código de expresión para producir e comunicar mensaxes, é dicir, aprender COAS tecnoloxías, promovendo propostas educativas que favorezan a expresión das crianzas con esas novas linguaxes: descubrindo, explorando, deseñando, guionizando, programando, gravando e creando. Este enfoque integra, inevitablemente, a aprendizaxe destas novas linguaxes, é dicir, aprender SOBRE elas, como obxecto de estudo en si mesmas, o que se fará dende unha perspectiva crítica.

Neste portal compartimos prácticas educativas e ideas, para alumnado de educación infantil (EI) e educación primaria (EP), con diferentes autorías: prácticas propias desenvolvidas en escolas (apoiadas por profesionais en exercicio) ou en obradoiros con familias, propostas realizadas polo alumnado universitario dos Graos de EI e EP, e recursos de interese compartidos na rede (curación de contidos).

FINALIDADE

O obxectivo principal de CompetenciaDixital é democratizar o coñecemento e acceso ás novas linguaxes e, por tanto, COMPARTIMOS de forma Libre todo o que facemos: proxectos, experiencias, recursos, materiais, ideas e creacións.

Poñemos o foco nas novas linguaxes, como contexto no que comprender, descubrir e explorar o mundo. Contribuíndo, deste xeito, a formar unha cidadanía dixital crítica. Nenas e nenos que aprenden permanentemente, con oportunidades de participación, acción e acceso no presente.

CompetenciaDixital é un proxecto tecno-pedagóxico co que buscamos difundir as potencialidades da cultura Maker, concienciando sobre o consumo responsable e favorecendo a autonomía, autosuficiencia, independencia e liberdade, contribuíndo ao desenvolvemento dunha alfabetización emancipadora, máis alá da básica e funcional.

Os proxectos e prácticas que aquí compartimos realízanse principalmente nas escolas e en horario lectivo, coa fin de promover a equidade, a igualdade e a convivencia, buscando achegar a todas e a todos as novas linguaxes. A Escola Pública como espazo do común, cun papel fundamental para garantir a xustiza social, tórnase así en espazo para a aprendizaxe destas linguaxes, cun papel transformador e democrático.

QUEN ESTÁ DETRÁS

Almu Alonso, Miguel Gesteiro e Elena C. Insua somos especialistas en tecnoloxía educativa. A nosa labor profesional céntrase, principalmente, no desenvolvemento da competencia dixital -en sentido amplo- e na integración de tecnoloxías dixitais nos procesos educativos dende unha perspectiva crítica.