Nena reparando Escornabot

Obradoiros de novas linguaxes: Robótica Educativa e Tecnoloxía

A nosa proposta é unha experiencia de aprendizaxe que integra novas linguaxes cunha proposta formativa que consta de dúas partes ou sesións:

1. Obradoiro con crianzas e mestras

Nesta primeira sesión, en horario lectivo, introducimos e achegamos as novas linguaxes ás crianzas a través da robótica educativa e a tecnoloxía, ofrecéndolles unha experiencia na que toman un rol activo, creativo e participativo. As mestras tamén participan (titoras do grupo e calquera mestra que desexe unirse), descubrindo elas tamén, da man das crianzas, ademais da propia robótica/tecnoloxía, o proceso e a experiencia (rol dual de participante/mestra).

Posta en común coas crianzas: explorando o Escornabot

Unha sesión típica cun grupo de primaria, por exemplo, a de Introducción á robótica co robot Escornabot, ten unha duración aproximada de 90 minutos e nela desenvolvemos diversas etapas. Comezamos cunha primeira posta en común coas crianzas, sentándonos todas xuntas en círculo (ágora), na que descubrimos entre todas -e de forma participativa- que é o Escornabot: que partes ten, de que está feito, que ocorre ó prendelo, que cremos que fará, e todo o que xurda durante a exploración. A continuación deixamos que as propias crianzas collan os Escornabots e tenten descubrir como funciona, invitándoas a descorrer e lanzándolles preguntas (sen darlle as respostas!). Ó cabo dun anaco, volvemos a facer posta en común para ver que descubriron unhas e outras, e construír así entre todas (coa nosa guía e orientación) o coñecemento conxunto sobre “como funciona”. Na seguinte fase, invitamos ás crianzas a crear o seu propio circuíto para o seu Escornabot, empregando o que sexa que teñan a man (bloques, pezas, lapis, gomas, estoxos, caixas, ramas, paus etc.) e, mentres que idean e crean, descubran novos aspectos como por exemplo “canto avanza?” o que lles obriga a adaptarse. Por último, se hai tempo, invitamos a que os grupos proben os circuítos das demais, para ampliar a súa propia experiencia cos das súas compañeiras.

Importante:

  • O obradoiro sempre adáptase a e contextualízase co PDI do centro (ou temática particular que se estea traballando no grupo/centro)
  • En base a nosa experiencia previa, a ratio ideal é de tres crianzas por Escornabot, aínda que non é requisito indispensable.
  • Está descrita soamente unha das posibles propostas que presentamos (a de iniciación á robótica), se ben dispoñemos doutras (coma robótica, electrónica, programación visual, electricidade, deseño 3D, impresión 3D etc.). Sempre buscamos adaptarnos ás circunstancias e necesidades das crianzas e o centro.

2. Formación coas mestras

Nesta segunda sesión de formación coas mestras, que pode durar entre 2 e 4 horas (dependendo do alcance ó que se queira chegar), afondamos no valor da proposta desenvolta na primeira sesión a través dun exercicio de reflexión conxunta, e tamén explorarmos moitas posibilidades adicionais que non se poden mostrar nunha única experiencia.

Formación coas mestras: explorando posibilidades do proxecto Escornabot

Por exemplo, trala sesión Introducción á robótica co robot Escornabot, repasariamos que ocorreu coas crianzas, que saíu ben, que saíu mal, que sucedeu inesperado ou sorprendente e como poderiamos construír unha mellor experiencia. A nivel máis práctico, revisariamos en detalle todas as funcionalidades do Escornabot (que ten ate 18 distintas!) e, a continuación, traballariamos as posibilidades pedagóxicas do Escornabot:

  • Propostas máis aló do taboleiro: programar para aprender vs aprender a programar
  • STEAM e pensamento computacional
  • Faceta artística e creativa
  • Posibilidades segundo a idade/curso (botoeira, programación visual por bloques, música etc.)
  • Aspectos sociais e humanos da actividade e do proceso

Fundamentos pedagóxicos

As novas linguaxes, entre as que se atopa a de programación, permítennos achegarnos á comprensión de como funciona e como se crea a tecnoloxía coa que convivimos cada día. Traballándoas e aprendéndoas poderemos tomar un rol activo: pasaremos de ser meras receptoras (usuarias e/ou consumidoras) a converternos en actoras (creadoras e produtoras).

É fundamental polo tanto a formación en competencias dixitais, pero facéndoo nun sentido amplo e non instrumental, poñendo o foco na aprendizaxe desas novas linguaxes a través de metodoloxías activas.

Entendemos ademais que a aprendizaxe é necesariamente social, polo que os nosos obradoiros fomentan o traballo cooperativo e a construción conxunta de coñecemento, mellorando as competencias sociais. Así mesmo, desenvolver o pensamento computacional dende o enfoque STEAM, permite adquirir múltiples competencias de xeito transversal e multidisciplinar.

Por último, favorecemos o descubrimento, a resolución de problemas e a resposta diverxente como aspectos tamén clave da aprendizaxe.

A nosa perspectiva

Dende o noso proxecto promovemos obradoiros e experiencias de aprendizaxe que contribúan a integrar as novas linguaxes, especialmente a de programación, no eido educativo: ofrecemos escenarios e brindamos experiencias de aprendizaxe onde a robótica e a teconoloxía son o contexto, é dicir, apostamos por programar para aprender máis que aprender a programar, fortalecendo as relacións familia-escola-crianzas, onde aprender e construír xuntas.

Coas nosas propostas pretendemos impulsar o desenvolvemento dos principios do movemento Maker: autonomía, independencia, autosuficiencia e -por tanto- liberdade, axudando a formar unha cidadanía dixital crítica, mellor preparada para comprender o complexo mundo que a arrodea e participar nel de forma plena, activa, crítica e responsable. Precisamente por todo isto, fomentamos, empregamos e traballamos con tecnoloxías libres e abertas (Software Libre e Open Hardware).

Consideramos clave o rol docente. Formar ao profesorado con novos recursos, ferramentas e ideas supón plantar unha semente que favorece o desenvolvemento de novas experiencias e a continuidade nas aulas, o que redunda en beneficio das crianzas do centro e de toda a comunidade educativa. Por iso recomendamos que en caso de so poder realizar unha das sesións sexa a de Formación coas mestras.

Referencias

Exemplos do que escribiron sobre os nosos obradoiros algúns centros onde estivemos:

Obradoiros coas crianzas

Formación coas mestras