Cal é a túa cor?

Esta é unha proposta didáctica para que, a través da experimentación, crianzas dende os 3 anos poidan descubrir como funciona a cor.

  • Obxectivo: traballar a cor e descubir como funciona, tanto para a materia como para a luz
  • Destinatarios: crianzas dende os 3 anos
  • Duración: 50 minutos
  • Materiais: mesturador de luz, pintura apta para crianzas, unha superficie branca resistente e material de limpeza
  • Versión: 1.2 (2022-01-29)
Modelos de cor: RGB e CMY

Proponse dúas actividades durante a sesión:

Cores materiais

Fundamento:
As cores primarias (fundamentais) son o Cián, Maxenta e Amarelo, que mesturadas entre si producen o resto de cores. As cores secundarias resultan de mezclar dúas cores primarias: Vermello (Maxenta + Amarelo), Verde (Amarelo + Cián) e Azul (Cián + Maxenta). As cores materiais “tapan gradualmente” a luz “que ven reflexada do fondo” (branco).

Desenvolvemento:
Proporemos ás crianzas que experimenten libremente coa pintura de cores. Preferiblemente que sexan cores primarios e sobre unha superficie branca (mellor se é resistente e non absorbe a pintura, para que traballe millor de reflectante base).

Tras a libre experimentación crearemos un espazo para compartir a experiencia, onde expresen coñecementos previos que puxeran en xogo, novos descubrimentos, así como as cores que foron capaces de conseguir.

Finalmente abordamos, se non saíron na conversa previa, algunhas cuestións clave na mestura e creación de cores como:

  1. Que sucede ao engadir branco? (Prodúcese unha aclaración. Branco = ó fondo)
  2. Que sucede coa mistura das cores primarias dúas a dúas? Que cores obtemos? (Cores secundarias)
  3. Que pasa se mesturamos todas xuntas? (Obtemos unha especie de negro. Completamente opaco que tapa a luz)

Cores luz

Fundamento:
As cores primarias (fundamentais) son o Vermello, Verde e Azul, que mezcladas entre si producen o resto de cores. As cores secundarias resultan de mesturar dúas cores primarias: Amarelo (Vermello + Verde), Cián (Verde + Azul) e Maxenta (Azul + Vermello). As cores luz “iluminan gradualmente” a escuridade “que está de fondo” (negro).

Desenvolvemento:
Exploración libre das crianzas co dispositivo mesturador de luz (un para cada dúas). Descubrimento do funcionamento do dispositivo e mestura das cores primarias para formar outras cores.

A continuación abordamos un diálogo coas crianzas (acompañado da exploración guiada do dispositivo mesturador de luz) que poña o foco en cuestións claves:

  1. Que pasaba cando pulsamos as rodas? Que cores saen? (Ponse a cor primaria correspondente ó máximo e as outras a cero)
  2. Que pasaba cando xiramos a roda da esquerda un pouco, ou a xiramos máis rápido? (A cantidade increméntase lentamente [unidades] ou rápidamente [decenas])
  3. Que sucede cando misturamos so dúas cores? Que cores obtemos? (Secundarias)
  4. Que cor sae cando mesturamos todas as cores (poñemos todas as rodas ó máximo)? (Branco. Luz total.)

Mini desafío: sodes capaces de conseguir a cor “laranxa”? e o “rosa”?

Finalmente, propoñémoslles que obteñan cadansúa cor para facerlles unha insignia con ela, os seus valores RGB/CMY, e o seu nome:

  1. Podedes descubrir cal é a vosa propia cor (cal che gusta máis)? (Creación dunha cor propia mesturando ate obter a que lles guste máis)
  2. Obtemos o código QR para chegar á insignia (aparece cando se mantén pulsado continuamente calquera botón do mesturador de luz)

Escaneando o código QR, accederemos á páxina da insignia (https://roboteach.es/lm-badge/), onde xa sairá a cor do mesturador cos valores numéricos correspondentes, tanto RGB (luz) como CMY (materia). Poderemos tamén poñerlle o seu propio nome (personalizala) e, gardala como favorito (a URL é única), ou descargala. Sería xenial imprimirllas e darllas (caben ate 12 nun folio A4).

Materiais

Para a primeira parte o ideal sería empregar unha superficie branca resistente (unha cartulina, unha lámina de plástico ou incluso a propia superficie da mesa se é adecuada) que recomendamos probar antes nós mesmos para ver como se comporta. Calquera tipo de pintura que sexa facilmente mesturable debera servir pero, outra vez, probade antes. As acuarelas son máis complicadas de usar polo seu comportamento (son pinturas moi diluidas per-sé). Sería ideal empregar pinturas cas cores primarias (cián, maxenta e amarelo) + branco. Tamén debera terse en conta a parte de recollida e limpeza ó rematar esta fase.

Mesturador de luz RGB

O mesturador de luz é un aparello deseñado especificamente para esta experimentación e que está publicado coma un proxecto open-source, coidando a funcionalidade para que se adapte perfectamente, pero tamén pensando en que calquera (a título individual ou dende o propio centro) poida construílo (empregando os principios da Cultura Maker de autosuficiencia e independencia) pola súa propia conta, co menor custo posible e -tamén- de forma sinxela.

Enlaces/Referencias

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *