Somos condutores de electricidade?

Relato dunha experiencia centrada na formulación de hipóteses sobre a condutividade humana e a comprobación das mesmas. Esta experiencia forma parte dun proxecto máis amplo desenvolvido entre xaneiro e xuño de 2021 sobre O Noso Corpo.

  • Finalidade: Explorar o noso corpo, descubrir a súas características, experimentar a nosa condutividade. Formularse interrogantes, promover a curiosidade das crianzas e buscar respostas a situacións cotiás.
  • Onde, Quen e Cando: No CEIP de Pedrouzos, co grupo de 5 anos (6º de EI) e a súa titora Susana Penabad, en marzo de 2021.
  • Como: Preguntándonos, expresándonos, formulando hipóteses e comprobándoas, intercambiando ideas e anécdotas, analizando os resultados e refutando ou validando as hipóteses realizadas, buscando respostas e xustificación aos resultados obtidos.

Relato da Experiencia

Comezamos, como é habitual nesta aula, configurando un espazo no que escoitar a voz do alumnado: a aula convértese nun espazo de expresión onde flúe unha conversa e reflexión ao redor da electricidade.

Que sabemos da electricidade? As respostas aluden a cables, cambras, luz, funciona a TV e outros aparellos, enerxía, tubos, molinos de vento, enchufes, motores e turbinas. Falamos dos perigos das fontes de corrente eléctrica, de experiencias (como a de meter os dedos no enchufe) e comportamento responsable coa electricidade.

Avanzamos a conversa e introducimos a bioelectricidade -neuronas e dendritas-, a necesidade de enerxía e a posibilidade de que o noso corpo conduza a electricidade.

  • Almu: Vós credes que o noso corpo pode conducir electricidade? Non vos pasa ás veces que tocades a alguén e dá cambra?
  • Nena: si, eso es una chispita de calor del sol.

Aí abordamos a electricidade estática que, nos contan, experimentan no tobogán de plástico do patio:

  • Neno: sí, cuando nos tiramos por el tobogán pasa
  • Nena: si, cando dá o sol, que ten enerxía.

[Transcrición da conversación literal recollida por Susana]

Tras a conversa realizamos hipóteses sobre a condutividade humana: o noso corpo ten electricidade? Condúcea? Todo o corpo conduce electricidade na mesma intensidade? Algunhas nenas e nenos comezan a pensar e poñer en común que partes do corpo poden conducir electricidade: mans, barriga, brazos…

Anotamos as hipóteses emerxidas na aula.
É momento de comprobalas.

Probamos as nosas hipóteses coa placa Makey, en grupos de 5. Catro crianzas conéctanse ás diferentes conexións da placa, e unha conéctase a Terra. Esta última crianza será a que teña a función de abrir e pechar o circuíto tocando ás súas compañeiras conectadas á placa. Cando se produce o contacto entre dous condutores se pecha o circuíto, circulando a corrente eléctrica, que xera o sinal que se comunica á computadora. No noso caso ese sinal será un son. Probamos a tocar a fronte, as mans, a cara… O alumnado observa, abraiado, como soan as compañeiras. Todas estas partes do corpo son condutoras de electricidade e, por tanto, xeran o sinal ao pechar o circuíto.

mans de crianzas conectados á Makey Makey e tocándose entre si.

A medida que imos probando as hipóteses previas comezan a xurdir hipóteses novas, máis específicas: haberá algunha parte do corpo que non conduza (coa intensidade coa que o fai a pel)? Empezan a contribuír con respostas:

  • Cabeza
  • Dedos
  • Las orejas y los dientes
  • Non, por todo fai calambre se fai sol
  • Y la nariz, tampoco

Probamos as orellas. SI obtemos un sinal en forma de son, o que significa que se pechou o circuíto, polo tanto SI permitiron a circulación da corrente eléctrica.

Unha das nenas tralo observado realiza unha nova hipótese: o pelo, porque o que é pel conduce todo. Probámolo: certamente o pelo: “no soa!!” (Ten maior resistencia eléctrica e non pecha o circuíto). Lanzan unha nova hipótese e deducen que os dentes tampouco conducen, pero coa COVID-19 non podemos comprobar dita hipótese. Logo engaden: as cellas! E comezan a dicir outras partes que conteñen pelo.

Tras a comprobación de hipóteses a mestra pregunta cal é o funcionamento do que vivimos hoxe na aula:

  • Nena: porque está enchufado, después del ordenador a la música. Y va a los altavoces para que suene.
  • Susana: pero que pasaba co noso corpo?
  • Nena: que tiene electricidade, por eso funciona (a placa).
  • Susana: alguén máis quere explicar o que pasou?
  • Neno: o noso corpo transmite electricidad
  • Susana: e entón cando nos tocabamos…?
  • Neno: sonábamos!

Finalmente, cabe sinalar a conclusión á que chegaron as crianzas tras refutar e validar as hipóteses formuladas. Pregúntolles: por todo o corpo sonabamos?

  • Nena: pois, non transmite (conduce) o pelo, as cellas, os dentes… todas as cousas que non sean carne non soan.
  • Outro engade: las mascarillas tampoco!

Valores extraídos:

  • As crianzas sitúanse no centro do proceso educativo, onde se escoita a súa Voz.
  • Traballando por Proxectos e co Método Científico promóvese o cuestionamento, a curiosidade e o interese por atopar respostas a través da investigación, experimentación e o xogo.
  • O recurso empregado (placa Makey) permite ás propias crianzas comprobar as súas hipóteses, verificándoas ou refutándoas e dando pé a crear outras novas.

Licenza

Licencia de Creative Commons
Este obra está baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-CompartirIgual 4.0 Internacional.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *