Simulando o latexo do corazón… con LEDS!

Relato dunha experiencia que aborda o sistema circulatorio con electrónica básica (o coñecido como paper circuit). Esta experiencia forma parte dun proxecto máis amplo desenvolvido entre xaneiro e xuño de 2021 sobre O Noso Corpo.

  • Finalidade: Comprender como funciona o mundo: descubrir o sistema circulatorio do noso corpo e experimentar cos circuítos eléctricos. Tamén se busca traballar a abstracción, a motricidade fina, a resolución de problemas, as imaxes mentais, a visión espacial, a atención e concentración, así como a regulación emocional.
  • Onde, Quen e Cando: No CEIP de Pedrouzos, co alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil e as mestras titoras Susana Penabad, Eva e Vero. Durante abril e maio de 2021.
  • Como: Intercambiando ideas, reflexionando ao redor da electricidade e os circuítos eléctricos, explorando e descubrindo con diversos compoñentes e materiais, e construíndo e creando un circuíto.

Contexto

A experiencia que aquí se recolle, como xa adiantamos, forma parte do Proxecto Didáctico: “O Noso Corpo”. As mestras titoras das 3 aulas involucradas neste proxecto decidiron que como produto final do mesmo o alumnado crearía un Lapbook que recollera o coñecemento construído ao longo do proceso.

Neste artefacto cultural a zona central estaría ocupada por unha representación dun corpo (nena ou neno en función do sexo da crianza) coa parte externa do mesmo (epiderme) e os sistemas circulatorio, óseo (esquelético) e muscular.

Cando, dende CompetenciaDixital, coñecemos esta idea de produto final pareceunos que tiña un gran potencial (e sentido pedagóxico) incorporar a simulación do bombeo do corazón a través dun circuíto eléctrico básico. E así, esta proposta que aquí se narra, pasou a formar parte do Proxecto “ O Noso Corpo”.

A proposta deseñámola para unha única xornada, dedicando dúas sesións consecutivas á súa realización. Para abordar a mesma tivemos especial coidado en crear espazos de expresión para escoitar a voz do alumnado e considerar os seus coñecementos sobre o tema como punto de avance.

Relato da Experiencia

O relato respecta o paso-a-paso que realizamos, comezando polos compoñentes mínimos para a construción dun circuíto eléctrico: Pila e Led.

PILA

Amosamos unha PILA de BOTÓN ás crianzas: Sabedes que é isto? Lanzan respostas variadas: unha moeda, un botón, ouro, en 5 anos alguén di unha pila.

Amosamos unha pila AA: E isto?
Lanzan unha única resposta, non hai dúbidas: Unha pila!

Contámoslles que o primeiro que lles amosamos tamén é unha pila, unha PILA DE BOTÓN. E continuamos indagando: Para que valen as pilas?
Comezan, de novo, a voar respostas: para facer que algo se encenda, para facer que algo funcione, para que as cousas funcionen, encende cousas, cargan cousas.

Nesta conversa xorde unha cuestión de interese: as pilas se gastan e hai que cambialas, a enerxía gástase.
Falamos de consumo, de contaminación, de enerxía. E do perigo das pilas. NON se tragan!!

LED

Continuamos coa proposta. Amosamos un LED: Sabedes o que é?
De novo múltiples respostas: unha moeda, un pincho, un alfiler, unha agulla, unha pinza, e alguén suxire: unha luz!

Pois… a pila que facía? Encende! E temos unha luz, coñecida como LED (verbalizan a palabra e tratamos de que a empreguen para referirse ao LED – así o fan ao longo da sesión). Temos unha luz LED, que precisamos para que se encenda? Unha pila!
[Na aula de 5 anos, Susana recolle as voces das crianzas nesta conversa]

PILA + LED

Experimentamos, probamos, descubrimos. Cada crianza dispón de un LED e unha PILA de botón. Proban, experimentan a acender o LED. Algunhas o conseguen tras poucos intentos, outras miran como están a facer as compañeiras. Comparten as súas achegas e logros.

Explorando e experimentando con Led+Pila

En cada grupo-mesa entregamos UNHA pila gastada: a miña non funciona…, a miña alumea pouco. Que pode pasar? Está gastada!

  • Eu non sei (esta nena refírese a que ela non é capaz de facer correctamente a conexión. De colocar pila e led). Doulle outra pila. Ah… si!!!
  • Entón que podería ser?
  • Estaba gastada!

Cos LED acendidos as crianzas comentan: parece unha sirena, bombeiros, policía, emerxencias…

POLARIDADE

Poñemos atención no LED e na PILA.

  • Fixámonos no LED. Cantas patas ten?
  • Dúas, 2-unha pequena e unha longa, unha larga e outra mediana.
  • E a pila, cantas caras/cantos lados ten?
  • Collen a pila e a observan. Dúas!, unha… dúas, dúas. Observamos que unha das caras ten un signo. O identifican como un “máis”.

Abordamos a POLARIDADE: xuntamos a pata longa do LED co lado positivo da pila, o que ten o signo +; e a pata curta co lado negativo.
Experimentamos a polaridade: Que pasa se o poñemos ao revés? Non funciona!

LED INTERMITENTE

Continuamos…

Mostrámoslles un LED intermitente funcionando. Que fai? Como é este LED? Palpita, encende e apaga, apaga e encende, apaga e encende…, como unha sirena, latexa.
Na aula de 5 anos cuestiónanse: Como fas iso? Comentámoslles que é Intermitente, que vén así construído. Unha das nenas busca como “convertir” o seu: mira, podo facer así (apreta a pata contra a pila e solta, facendo que a luz do seu LED apague e acenda, conseguindo o efecto intermitente). Tamén proban outras compañeiras e compañeiros. Con cara de satisfacción polo logrado.

Buscamos relacionar a experiencia dese LED intermitente co proxecto que están realizando: Que estades traballando? O noso corpo, as partes do corpo.
Que credes que podería ser isto -o LED intermitente- dentro do voso corpo? Nun aula de 4 anos: O corazón (Todas móstranse de acordo coa resposta da compañeira). Noutra clase de 4 anos: un dedo…? Advertimos que a luz palpita, e outro compañeiro di: o corazón! Na aula de 5 anos: o corazón que late.

Facemos un cambio de sentidos: vendo nunha luz intermitente o son dos latidos do Corazón. Repártense os LED intermitentes: cando todas as crianzas contan cun led intermitente, verbalizamos o son ao ritmo da luz: bum – bum – bum.

DEBUXAMOS O CIRCUÍTO

Neste punto comezamos a construír o circuíto no LapBook. Temos unha PILA e un LED Intermitente. Como os unimos? Buscamos unha forma de conectalos sen ter que estar aguantando cos dedos. Probamos se a mesa por si mesma é condutora, o chan, celo… non funciona. Probamos con adhesivo de cobre: Funciona! Explicámoslle que se trata dun celo especial e indagamos sobre o material do que pode estar feito. E continuamos coa representación do circuíto:

  • Cantos “camiños” precisamos? … Cantas patas ten o LED?
  • DÚAS!
  • Cantas caras ou lados ten a pila?
  • DOUS!
  • Cantos “camiños” precisamos?
  • DOUS!, hai quen apunta: un positivo e un negativo.

CONSTRUÍMOS O CIRCUÍTO: o LED simula que é o corazón. E a pila, onde a poñemos? Como colle enerxía o noso corpo? Coa comida!, temos que almorzar moi ben, merendar moi ben, comer moi ben...

Facemos un circuíto PILA-APARATO DIXESTIVO (intestino) a LED-CORAZÓN. A corrente eléctrica simula o transporte de nutrientes polo sangue.

Construímos en lapis a BASE:

  • Tomando como modelo unha das imaxes do corpo (un dos que se incluirán no LapBook), cada crianza marca na súa cartolina un punto á altura do que será o corazón.
  • Marcamos onde irá a Pila. Co mesmo modelo da imaxe do noso corpo, marcan na cartolina un punto á altura do que sería o estómago-intestinos.
  • Marcamos DOUS camiños, de un punto a punto. Paralelos, ou case.

[Na aula de 5 anos dicímoslles: Ímos a montar un circuíto. Sabedes o que é? unha pista de coches, ou do noso corpo (aparato circulatorio). Dicímoslles que neste caso será un circuíto eléctrico. As crianzas din que polo primeiro circulan coches e polo segundo o sangue. E no eléctrico? O sangue porque representa o corazón, apunta unha das nenas. Valoramos a metáfora corrente eléctrica – torrente sanguíneo, especialmente no proxecto no que nos atopamos].

CIRCUÍTO ELÉCTRICO EN PAPEL

Comezamos a incorporar os elementos: Adhesivo de Cobre, LED e Pila.

Material necesario: Adhesivo de cobre, led e pila
  • Cadaquén recorta e despega 2 anacos de adhesivo de cobre que pega sobre as liñas-camiños pintados.
  • Colocamos o LED. Abrimos as patas. Lembrando que temos unha pata Longa e unha Curta. Cada unha das patas se coloca enriba dunha das tiras -camiños- de adhesivo de cobre previamente pegado. Co propio Adhesivo se pegan as patas do LED sobre a cinta.
  • Colocamos a Pila. Comprobamos a polaridade. Cal dos dous “camiños” é o positivo e cal o negativo. Colocamos a Pila nunha das tiras de Adhesivo de cobre e con outra tira facemos conexión e pechamos o circuíto. Comprobando se acende identificando a polaridade. Se non acende debemos situar a pila na outra Tira-camiño.
    Decidimos colocar a PILA coa cara con menor superficie (negativo) cara abaixo, xa que os bordes da pila son parte do polo positivo.

Pero… que pasa se pechamos o circuíto e está sempre prendido?

  • Se gasta, se gasta a luz, se gasta a pila, se gasta la pila, la energía
  • Que credes? Se gasta a pila ou o LED?
  • A pila!
  • Entón que podemos facer? Na vosa casa está sempre a luz acendida?
  • Non, apágase, apagas e encendes. A min ás veces se me esquece apagala. Unha crianza parece ter solución: Tienes que separarlo!
  • Pensamos como “separar” o circuíto. Onde apagamos e acendemos?
  • Nun botón, hai un botón, a chave (da luz). Vemos con elas e eles os interruptores da aula e amósanolos: unha persoa da clase apaga e acende as luces da clase no interruptor.

Nunha das aulas de 4 anos unha crianza pide: Deixa apagado e poñemos os LED. Facémolo. Coa luz apagada, conectamos todas o noso LED á pila. A luz dos LED é máis visible baixando a luz ambiente, e así o expresa un dos nenos: vese máis!

PULSADOR – INTERRUPTOR

Montamos nun primeiro momento pulsadores con Adhesivo de cobre. Ao presionar-pulsar se pecha o circuíto e este funciona. Se o deixo pulsado se me descarga… (aplicando e poñendo en xogo o concepto de que se gasta a pila).

Cando rematan os circuítos hai quen o ve acendido: Mira funciona!! Outros non acenden: a min non me funciona… Que che falta? A pila!! (Sen pila -sen enerxía- non funciona). 

Nun segundo momento, as mestras en 4 anos e as crianzas en 5 anos, cambiamos ese Pulsador inicial por un Interruptor -con máis sentido para o LapBook.

Unha das nenas de 5 anos cuestiona o cambio:

  • Por que? Non podemos deixalo como está?
  • Si, claro que podemos, a decisión é túa. Vouche amosar a diferenza entre pulsador e interruptor e ti decides.

Collemos o seu LapBook, con puslador, e o dunha compañeira que xa fixo o cambio a interruptor. Vemos o efémero do pulsador. So funciona cando algo o preme, neste caso o seu dedo, o que non lle permite desfrutar do LapBook con liberdade. Mentres que o Interruptor permite deixar conectado sen necesidade de acción continua sobre el. Vivencia ambos modos de manipular un circuíto e entende a diferencia. O interruptor permítelle soltar e deixar o LED prendido. Decide poñerlle interruptor ao seu traballo.

Valores extraídos:

  • Aprender facendo. Vivenciando, manipulando e experimentando.
  • Explorar e descubrir como funciona un circuíto eléctrico e o símil co circuíto do torrente sanguíneo.
    [Unha nena dun dos grupos de 5º de EI -este ano 2021_2022 en 6º de EI-, pola rúa párame e pregúntame “este ano imos a facer un circuíto?”, ti queres? Siii].

Licenza

Este obra está baixo unha licencia de Creative Commons Reconocimiento-CompartirIgual 4.0 Internacional.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará